xoves, 14 de abril de 2016

IV Xornadas de Interpretación e Dinamización do Medio Rural

Un ano máis a Asociación Carballo Vivo organiza as Xornadas de Interpretación e Dinamización do Medio Rural, terán lugar o derradeiro sábado de abril,día 30, e os dous primeiros sábados de maio, días 7 e 14.
Nas mesmas desenvolveranse actividades relacionadas co mundo do lobo -que inclúe a proxección da película "Entre lobos"--, a habitual xornada ao redor do mundo da saúde e,para rematar esta 4ª edición, o sábado día 14 de maio terá lugar unha sesión homenaxe ao escritor friolés Xerardo Quintiá.
Desde estas páxinas desexamos acaden o éxito das pasadas edicións e animamos a todos e todas a participar nas mesmas.
Premendo aquí accédese ao programa.

domingo, 7 de febreiro de 2016

I PREMIO DE INVESTIGACIÓN HISTÓRICA, CULTURAL E ETNOGRÁFICA "CONCELLO DE FRIOL".

Este pasado luns, 1 de febreiro, a Asociación Cultural Carballo Vivo, xunto coa Facultade de Ciencias de Educación da USC e o Concello de Friol veñen de convocar o I PREMIO DE INVESTIGACIÓN HISTÓRICA, CULTURAL E ETNOGRÁFICA "CONCELLO DE FRIOL".
Ao mesmo poderá presentarse calquera tipo de traballo relacionado co patrimonio cultural e etnográfico do concello friolés, tendo en conta as Bases establecidas para o mesmo e que podedes consultar premendo neste enlace.
Alegrámonos desta convocatoria e esperamos que a mesma sexa exitosa. Desde este caderno animamos a participar a todas aquelas persoas que lle tedes especial cariño a este concello  e desexedes ampliar o coñecemento sobre estas terras milenarias.
Ánimo! 

mércores, 4 de marzo de 2015

Obradoiro da memoria

O próximo venres día 13 ás catro e media da tarde, no local social (antiga escola de Carballo) terá lugar unha nova sesión dos Obradoiros da Memoria que iniciamos tempo atrás.
Xa en marcha a organización das próximas III Xornadas que se desenvolverán ao longo do mes de abril, e cara a elas, nesta ocasión falaremos dos tempos das vellas escolas, que como a que nos acolle, agochan nos seus muros, lembranzas e inquedanzas que pretendemos rememorar nesta sesión.
Todos nós lembramos con maior ou menor fidelidade pasaxes da nosa infancia escolar que ás veces saen a relucir cando os fillos ou netos contan as súas vivencias da escolaridade presente.
Desde aquí convidamos a todos e todas as que queiran participar nesta sesión na que, coma sempre, están asegurados o café algunha lambetada e un par de boas historias.

martes, 29 de abril de 2014

Nova sesión do Obradoiro da Memoria

Despois das exitosas Xornadas celebradas entre marzo e abril, agora que estamos a piques de comezar o mes de maio, imos celebrar unha nova sesión do Obradoiro da Memoria o próximo 9 de maio ás catro da tarde.
Pasado o San Benito, este e a súa romaría serán o eixo da sesión.
Como ben sabedes, a actividade está aberta a toda a veciñanza, polo que só queda convidarvos a participar na mesma.
Esperámosvos o próximo venres na antiga escola de Carballo

venres, 28 de marzo de 2014

Obradoiro da Memoria

Nas "I Xornadas de interpretación e dinamización do mundo rural" organizadas pola asociación "Carballo vivo", propúxose a creación dun Obradoiro da Memoria no que se tentase recuperar as vivencias, historias --as pequenas historias dunha pequena comunidade--, contos, festividades,... en definitiva todo aquilo que atesouran os nosos maiores na súa longa experiencia vital.
A día de hoxe, son dúas as sesións realizadas e nelas os participantes foron fiando historias que reflicten as súas vivencias de tempos atrás.
Das sesións, faise unha gravación "caseira" que posteriormente é aproveitada para ir facendo pequenas montaxes --para evitar a posible saturación-- con temas concretos que serán colgados na rede, concretamente neste blog que nace coma ponte entre "Friol: Algo máis que pan e queixo" e "Carballo Vivo".

O meu outono...